Lugo convértese no epicentro da música coral co II Encontro de Corais Universitarias Sénior de Galicia

 


•⁠  ⁠Máis dun milleiro de estudantes maiores de 50 anos impulsan o asociacionismo cultural e a formación permanente na comunidade.

•⁠  ⁠O auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra colgou o cartel de completo nunha xornada que reivindicou a formación universitaria senior e a promoción da música tradicional.

•⁠  ⁠A cidade da Coruña collerá a testemuña como sede oficial para a terceira edición do encontro no ano 2027.

LUGO, 8 de novembro de 2026 – O auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo acolleu este sábado, 7 de novembro, o II Encontro de Corais Universitarias Sénior de Galicia, consolidando un proxecto musical que promove o envellecemento activo e a cultura galega. O evento, que encheu por completo as instalacións, é o froito do traballo conxunto das asociacións de alumnos sénior dos 7 campus das universidades galegas e contou co apoio institucional da USC, a Deputación de Lugo e a FEGAUS.

A xornada comezou cunha gran emoción cando o mestre gaiteiro D. Bruno Villamor subiu ao escenario para interpretar o Gaudeamus Igitur, co público en pé cantando a unha soa voz. A partir dese momento, a música non parou coa participación sucesiva do Coro Sénior do Campus de Ferrol (dirixido por Juan Brage), o Coro Adayeus da Coruña (baixo a batuta de Raquel Rodríguez), o Coro Sénior do Campus de Vigo (capitaneado por Jacobo García) e a coral anfitrioa Lucus Terra, dirixida polo profesor Bruno Villamor. En total, as agrupacións ofreceron un repertorio de 16 temas ledos, emotívos, cálidos e sorprendentes.

Como broche de ouro e para poñer en valor a nosa esencia, xusto despois de que a Xunta de Galicia declarase a música tradicional como Ben de Interese Cultural, o encontro contou coa actuación do coro convidado Cantares do Brión. Baixo a dirección de Pablo Rial e cunha posta en escena impecable con traxes típicos galegos, fixeron vibrar o auditorio cunha sentida ovación final.

Ao evento asistiron destacadas autoridades e colaboradores, entre eles o decano de Veterinaria, Fernando María Muñoz; o presidente de FEGAUS, Alejandro Otero; a directora do programa de maiores da USC, Esther Olveira; Iria Castro, deputada de Cultura en representación da Vicepresidencia da Deputación; e a vicerreitora da USC, Ana Cabana. Tamén estiveron presentes os representantes das distintas asociacións sénior: Antonio Polo (Ferrol), Marisa Mauriz (A Coruña), Milagres Chapela (Vigo) e Gloria Pérez (Lugo).

Durante a clausura, a vicerreitora Ana Cabana destacou a importancia da formación universitaria para maiores de 50 anos e a necesidade de defender a nosa cultura. Así mesmo, anunciouse oficialmente que A Coruña será a sede encargada de albergar o III Encontro de Corais no ano 2027. O acto pechouse con todas as voces do auditorio unidas cantando o Himno Galego.

Publicacións populares deste blog

SUXESTIÓN DE LECTURA.